ADEUS AOS BADENS DA RISCA?

18 03 2010
Asalto á Risca

Asalto á Risca

Pouco durou a solución contra a velocidade na entrada da Risca. Os resaltos que puxeron  tiveron unha vida breve pero intensa.

Primeiro, e pola brava, furaron transversalmente o asfalto e puxeron uns resaltos que máis parecían feitos a mala uva que para dar máis seguridade ao tráfico.

O primeiro día as exclamacións dos usuarios do vial escoitábanse con nitidez sobre o barullo dos motores dos vehículos.

Para tentar amañalo, un par de días despois colocaron uns sinais de advertencia que seguían sen baixar os decibelios das queixas.

Non chegaban os sinais e decidiron pintalos. Unha pintura que ao momento xa presentaba gran deterioro.

Din que unha coñecida marca de amortiguadores pediu prezo para por un anuncio nas vallas de publicidade. O choio parecía rendible. “Se vostede tivo problemas cos seus amortiguadores déalle as grazas ao alcalde do Porriño e compre os da nosa marca que están de oferta para este territorio”

E ao final pasou o que tiña que pasar: as medidas de seguridade convertéronse en perigosas por ilegais e mal prantexadas.

Pero só o accidente de certa gravidade dun ciclista fixo que o noso alcalde, a quen non lle treme o pulso, fixera o que todos reclamaban dende un principio: Eliminar tamaña insensatez.

Como quen non quere a cousa, as mesmas máquinas que puxeran os relatos malditos procederon a desmontalos. Foi todo tan fugaz que nin tempo houbo de inauguralos!.

Iso si, sen resaltos non ía quedar o choio e montaron un máis grande, que por certo, aínda non o pintaron, co que parece que vai ter que escomenzar novamente o teatrillo: colocación. Queixas. Pintado. Queixas…

Todos estamos a favor de que aumente a seguridade vial no Porriño. Máxime nun vial que é saída dunha autovía e ten abundante tráfico pesado. Pero tamén estamos todos de acordo en que o que se fixo na Risca foi unha mostra de improvisación que causou moitos problemas e non arranxou apenas nada. Tanta presa por facer cousas no pouco tempo que queda ata as eleccións, fai que as moreas de piche almacenadas durante anos na deputación, comecen a aflorar polos recunchos mais insospeitados do Porriño. Os desastrosos resultados estaban cantados. Como din os vellos, “vísteme a modo que teño presa”.

Non ten técnicos o Concello para facer estas cousas?. Si non os hai que llo encarguen a unha empresa especializada. Como se fai nos sitios normais.





O Porriño dalle as gracias, Sr Louzán.

11 03 2010

Despois de sete anos sin noticias hoxe atopeime cun camión da Deputación de Pontevedra tapando uns baches nas inmediacións do Pavillón Municipal do Porriño. Inmediatamente decidín coller pluma e papel e darlle a coñecer ao mundo que o fillo pródigo retornaba a casa. O seu amor polo Porriño, sr Louzán, queda contrastado coa presencia deste flamante camión de bacheo.Que non viñera en sete anos foi un problema de tipo técnico. Como non somos mal pensados desconfiamos que simplemente foi un problema no GPS do camión que tardou en arranxarse. Xa se sabe que cando un mete unha máquina no taller se sabe cando entra pero non cando sae. O problema era do GPS que non conseguía localizar o mapa do Porriño e non había mala intención do Presidente da Deputación. ¿Cómo ía haber mala intención si os porriñeses tamén contribuimos a pagar o camión, o chofer, a brigada e o gasoil? Ata agora non viñera o camión porque lle fallaba o aparato dos mapas. Os veciños e veciñas do Porriño agradecémoslle os esforzos por arreglar o artefacto e xa podemos durmir tranquilos. A Deputación ten agora, entre os seus fillos máis queridos, a O Porriño. Acabáronse os baches e as limpezas das cunetas. Xa chegou o primo de zumosol. O sr Louzán  volve a querernos. Que ninguén sexa mal pensado e crea ue foi pola moción de censura. Foi cuestión simplemente dun fallo no GPS.





FONTE DO CRISTO: O CRISTO DA FONTE.

10 03 2010

Como si de novos ricos se tratar, o novo goberno municipal tomou man das súas posesións no Porriño. Días de paseo e anotacións na libreta permitiron unha actuación e que será recordada durante moitos anos: a rehabilitación da Fonte do Cristo de Palacios. Seica tiña algo de verdín e lucía un tanto antiga polo que decidiuse darlle un lavado a presión deses que se acostuma a facer nos servizos das gasolineiras.

Como levala á gasolineira podería ser un tanto escandaloso, e aplicando o famoso dito de Mahoma e a montaña, trouxeron o túnel de lavado á rúa peonil e, protexidos por unha valla verde de obra, aplicaron produtos químicos e chorro de auga para que a nosa fonte quedara, como se soe dicir, “como los chorros del oro”.

E mentres se afanaban no choio, ata tiveron tempo de “fabricar” a réplica dun dragón que podería, sen dúbida, obter un aprobado alto nun exame de manualidades de 4º ou 5º de primaria.

Malvestindo os dragóns...

Non repararon en que a Fonte do Cristo é un ben patrimonial protexido de Antonio Palacios e que para facer actuacións na mesma hai que contar con permisos da Xunta e elaborar un proxecto de restauración conforme á lei. Non parece ser a legalidade e o respecto ao patrimonio a asignatura forte do novo goberno municipal.

Os remendos de cemento

Os remendos de cemento

Si Palacios levantara a cabeza…!





Segunda concentración.

29 01 2010

Veciños e veciñas do Porriño

Por segunda vez queremos expresar os motivos polos que a nosa Plataforma esta en contra da mocion de censura. O mais importante e que non existe unha demanda social que a xustifique e non existe un pretendido desgoberno que sexa percibido pola cidadania. Pensamos que a maior parte da xente non comparte a necesidade de cambiar de goberno cando estamos a poucos meses de comezar unha precampaña para as eleccions municipais. E moitas persoas que votaron a algun dos partidos que fan a mocion pensan do mesmo xeito, exactamente igual. Non e o momento para experimentos nin para solucionar, a costa  os problemas internos da dereita porriñesa, dividida por personalismos que so teñen un culpable: eles mesmos.

Non e o momento porque as nosas preocupacions diarias teñen que ver co desemprego, coa crise economica, cos negocios que van mal, co pago das hipotecas, coas dificultades das familias para chegar a fin de mes. Non escoitamos ningunha proposta para solucionar os nosos problemas. So nos dixeron que eles collen uns postos aqui e ala que reparte un señor, que e concelleiro en Ribadumia e que se chama Rafael Louzan. A mocion non esta acompañada dun programa de goberno. Non aporta aspectos positivos para resolver os problemas e, ademais, presenta serias dubidas sobre a paralise derivada da posta ao dia dun novo goberno e da falta de estabilidade entre grupos e persoas que tan mal falaron uns dos outros.

O descoñecemento dun programa de goberno presenta dubidas en moitas cuestions pero podemos escoller o seguinte exemplo: ¿Vai a cumprirse a promesa electoral que alguns fixeron para que volvan a pasar os coches por estas ruas?. ¿Si ou non?.

As circunstancias que rodean a negociacion desta mocion tamen produce moitas dubidas porque o resultado dos acordos e cando menos extraño. O portavoz dun grupo vaise, ¿por que?. A alcaldia non e para o grupo que mais intransixente nas negociacions, ¿por que?. Sen embargo, o grupo mais votado, cede o liderado da dereita que lle corresponderia de forma natural, ¿por que?. Estas preguntas non teñen resposta. Pero mais ala da negociacion nas alturas, unha boa parte do electorado dos grupos da dereita non entende que o seu voto sirva para aupar a un rival ou para apoiar unhas siglas distintas as que votou. Comprendemos os argumentos de quen entende isto como un fraude para os electores.

Como dixemos a semana pasada, esta moción chega tarde, mal, a rastro e sen argumentos. A única xusificación é que o actual goberno está en minoría. Acordáronse despois de case sete anos. Pero señores do PP: en minoría está o actual goberno de Tui por poñer un exemplo, en minoría gobernou Corina Porro a cidade de Vigo, en minoría se goberna actualmente Euskadi, en minoría gobernou Aznar. Nas situacións complicadas é cando comprobamos a talla dos nosos representantes e aquí só atopamos uns grupos de auténticos irresponsables que decidiron castigar aos porriñeses e porriñesas sen saber disinguir entre o labor de oposición e o benestar da poboación en obras, programas e servizos.

Hoxe falan de falta de xestión e de parálise. Supoñemos que se refiren á Deputación de Pontevedra. No ano 2003 estaban arranxando as estradas de Mosende e Budiño. No 2010 seguen sen rematar as obras. Este é o modelo de eficacia que subscriben os que fan a moción. A nós non nos vale.

E xa para rematar. Os concellos premian o labor de persoas destacadas da colectividade outorgándolles o nomeamento de fillos predilectos ou fillos adoptivos. Señor Rafael Louzán, O Porriño non o vai nomear a vostede fillo de… nada. Vostede pasará á crónica política como o Pai dunha moción inxusificada e inxusta que a cidadanía non quere. Ese é o único título que podemos darlle. Vostede é a man que move ás tres marionetas da dereita porriñesa que se deixan mangonear por un concelleiro de Ribadumia.

Por estas razóns manifestamos que non é acertado volver ao pasado. Manifestamos que non queremos esta moción





Concentración en contra da moción de censura.

22 01 2010

Os veciños e veciñas do Porriño non queremos unha moción de censura. Non hai argumentos que a xustifiquen, e o goberno municipal desenvolve o seu cometido con normalidade e sen maior contestación social que calquera outro goberno municipal de Galicia.

Nun momento de crise económica e cando encaramos o final da lexislatura, a moción non aporta aspectos positivos para resolver os problemas da cidadanía e, sen embargo, vai traer a parálise derivada da posta ao día dun novo goberno sen experiencia e, ademais, o entendemento entre os socios da coalición non semella doado, e non deixa de ser un experimento que non garante en absoluto a estabilidade.

Esta moción é unha operación escura que xera dúbidas. O portavoz de Independientes de Porriño vaise despois de chegar a un acordo (¿que acordo?), o PP cede a Alcaldía ao grupo de Ciudadanos por Porriño sendo a forza máis votada das tres, fálase de colocar a esta persoa de deputado provincial e aqueloutra de asesor da Xunta… todo isto sen recibir a cidadanía nengunha explicación.

Descoñecemos a existencia dun programa de goberno conxunto das tres forzas asinantes do pacto, máis alá dun confuso organigrama de áreas para repartir o botín. Visto o que teñen manifestado algúns dos protagonistas da moción no pasado, acaso ¿volverán os coches a pasar polo centro urbán?, ¿volveremos a esconder os nosos fillos nas casas?, ¿volverá estar morto este centro urbán ou será noso como é agora?.

A moción representa unha fraude para o electorado dos partidos independentes, que ven agora como o seu voto serve para satisfacer os intereses particulares do Partido Popular e do Presidente da Deputación de Pontevedra, sen contar cos intereses dos veciños e veciñas do Porriño. Houbo persoas que confiaron en palabras de líderes que co paso do tempo convertéronse nunha traición. E queremos destacar que en campaña electoral prometeron e volveron prometer que algúns nunca pactarían entre eles.

O momento para realizar unha coalición alternativa á lista máis votada non é agora, despois de seis anos e medio, senón que tivo o seu momento na elección de alcalde de 2007 ou na cuestión de confianza de 2008. Agora esta moción faise polo único interese dos partidos implicados e sen contar para nada cos problemas da xente. Resulta lamentable que os votos dos porriñeses sirvan unicamente para manter na poltrona da Deputación ao señor Rafael Louzán.

A moción chega tarde, mal, a rastro e sen argumentos. A única xustificación é simplemente numérica, nove concelleiros e concelleiras son máis que cinco. Está claro. Pero nada se di de programas, proxectos e formas de gobernar. Precisamente os que se opuxeron a determinadas políticas como a peonalización do centro van ser agora os que dirixan os “intereses generales”. Pero ¿cales son os intereses xerais?. O único certo é que as máquinas da Deputación xa poderán vir ao Porriño a acabar estradas como a de Mosende ou a de Budiño que levan seis anos paradas por capricho do señor Louzán. Os que quixeron estrangular ao goberno non conseguiron impedir que O Porriño tivera un cambio total, tanto na xestión realizada (a pesar dos atrancos) como na democratización da vida municipal. Cambios conseguidos por un goberno en minoría que non teñen comparación co raquítico balance que poden ofrecer outros gobernos anteriores que deixaron, entre outras cousas, un buraco millonario na facenda municipal.